

BENVIDA
OBXECTIVOS
TORNEO
- Regulamento
- Bases
- Descargas
- Xuíces
- Participantes
CONSELLOS
- Como formar equipo
- Organización do debate
- O debate
- A Investigación
- Oratoria

A oratoria é, segundo Platón, "a arte de gañarse a vontade humana a través da palabra". Trátase dunha definición breve pero tremendamente gráfica. Por medio da linguaxe falada o ser humano é capaz de cambiar as opinións, sentimentos e mesmo as accións daqueles que lle rodean e que nun principio partían duns supostos diferentes aos nosos.
A oratoria parte da base de que a forma na que se expresan as ideas é tan importante como a esencia que agochan. Non chega con expresar en voz alta as ideas, senón que a forma na que ten lugar esta expresión determina o efecto que as palabras teñen naqueles que as escoitan. Consiste en que a mensaxe que reciba o receptor coincida exactamente co que quere expresar o emisor, e que ademais teña a forza suficiente como para que isto sexa aceptado como verdadeiro.
O DISCURSO
Unha vez que se conta coa información obtida durante a investigación, esta debe traducirse no discurso que o orador pronunciará. O núcleo central do discurso será a idea que se pretende transmitir, á que haberá que dar forma, de xeito que atraia, interese e convenza. Trátase de saber como dicir o que se quere dicir.
Falaremos de discurso cando nos refiramos ao conxunto de todas as intervencións que realizará un equipo.
Un bo discurso terá as seguintes características:
Para asegurar un equilibrio entre a preparación e a espontaneidade, o orador pode preparar un arquivo ou ficheiro con bloques de argumentos, que lle servirán como complemento ás súas exposicións. Cada bloque terá un título, e conterá todas as evidencias (exemplos, citas, datos, etc.) que apoien o mesmo argumento xenérico.
ESTRUTURA
Realizar exposicións ordenadas axuda ao xurado a seguir a liña de pensamento do equipo. Podemos distinguir entre:
LINGUAXE
Un bo orador utilizará unha linguaxe correcta e un vocabulario amplo para expresar a súas ideas dunha forma elegante e efectiva. Algúns dos aspectos que debe coidar son:
Ademais dunha exposición correcta, un orador que pretenda convencer debe asegurarse de que é escoitado. Un bo discurso debe ser dinámico, ameno (divertido cando a ocasión o permita) e atraínte, que esperte e manteña o interese da audiencia e a involucre na causa que se está defendendo. Para isto pode servirse de distintas técnicas:
ASPECTOS FORMAIS
Cada persoa ten unha maneira diferente de falar así que tamén é importante que cada orador imprima o seu selo persoal nas súas intervencións. Porén, hai requisitos que deben cumprirse en todo caso:
Durante unha exposición prolongada é recomendable facer pausas cada certo tempo para beber auga, co obxectivo de limpar as cordas vocais e así evitar o cansazo da voz. Do contrario pódese producir rouquén ou dor de gorxa.
Existe outro tipo de pausas, de duración algo maior, cuxa función é esencialmente psicolóxica. Mediante elas o orador pode perseguir distintas finalidades:
É importante para un orador saber introducir un silencio nos momentos claves da exposición. Unha pausa oportuna é mostra de dominio da situación e ausencia de nervios. Sempre hai que ter en conta que os silencios tamén comunican, polo que a actitude durante eles é moi importante: movementos pausados, respiración controlada, mirada ao auditorio, etc.
Por outra banda o volume medio da voz debe ser tal que todo o auditorio poida escoitar as exposicións sen esforzo (hai, por tanto, que falar para aqueles situados nas últimas filas). Ademais hai que considerar que o volume apropiado non será o mesmo nunha sala: chea, alfombrada, baleira, ou con chan e paredes de madeira, xa que nos primeiros casos o son é absorbido, mentres que nos segundos casos non.
Ter unha voz agradable resulta de grande axuda para todo orador, xa que será o primeiro que perciba o público unha vez comece o discurso, e contribuirá a manter a atención durante este.
A POSTA EN ESCENA
É importante gañar desde o primeiro momento o favor do auditorio. As reaccións do público, sen ir máis lonxe, serán inevitablemente tidas en conta polo xurado. Por tanto, todo o equipo debe coidar desde a súa entrada á sala, a súa actitude e o seu comportamento, e non só as palabras que emiten os oradores.
A audiencia -xurado e público- que presencia un debate non se limita a escoitar, senón que tamén observa todo o que sucede na sala. Isto debe ser tido en conta por todos aqueles que se encontren debatendo (e non só polos oradores que se encontren na súa quenda de intervención). Así, existe toda unha serie de elementos que, sen formar parte da argumentación propiamente dita, chegan a influír na decisión daqueles que teñen que determinar o resultado do debate.
A LINGUAXE NON VERBAL.
Os xestos e movementos transmiten expresividade ás mensaxes e achegan unha información que complementa o significado das palabras. É, polo tanto, un labor importante (e complicado) controlar toda a información que se emite a través da comunicación non verbal.
Son factores claves na comunicación non verbal:
Algúns dos elementos non verbais que emiten información son:
A mirada debe ser utilizada para captar e reter a atención, pero tamén para gañar confianza. Así, cando se inicia unha exposición é conveniente centrar a mirada en sectores do público que demostran unha actitude interesada, para despois pousala alternativamente noutros, intentando abarcar a todos os grupos.
En canto ao segundo apartado, a mirada é o signo externo que evidencia o estado interno do orador, debido a que é un dos elementos máis difíciles de controlar. A través dela, o emisor das mensaxes manifestará a súa seguridade, determinación, ou polo contrario, a súa incomodidade, timidez, dúbida, etc. É por iso importante non ter medo a mirar ao interlocutor aos ollos, o que demostra confianza e franqueza. Por outro lado hai que ter en conta a forma de mirar, xa que unha mirada fixa nunha persoa durante moito tempo pode ser interpretada como un desafío, una ameaza ou un signo de mala educación.
INDUMENTARIA
En calquera tipo de comunicación, a primeira impresión serve para predispoñer ao público. No caso dunha comparecencia en público, esta primeira impresión vén inevitablemente determinada pola aparencia. Non se trata tanto das características físicas do orador, senón do seu porte e o adecuado da súa indumentaria para a ocasión, o que en primeiro termo gañará o favor da audiencia.
Cada ocasión require un tipo de indumentaria, e é tan incorrecto equivocarse por defecto como por exceso.
A atención do xurado e a audiencia non debe distraerse do esencial, que é o discurso. É por tanto fundamental que a indumentaria non chame en exceso a atención, o cal é especialmente aplicable aos complementos (gravatas ou panos de cores rechamantes, diademas ou pasadores demasiado grandes, etc.). Por outro lado, tampouco é conveniente unha seriedade excesiva, especialmente se se ten en conta que no caso da Liga de Debate se trata dun debate entre estudantes, xeralmente xente nova.
Neste apartado tamén se debe considerar a hixiene persoal e a limpeza (tanto da roupa como dos zapatos).
O ESPAZO.
Segundo o profesor Edward T. Hall, considérase distancia pública aquela que está entre os 360-750 cm. Normalmente o orador situarase detrás do atril, e a distancia que exista entre este e a mesa do xurado ou o público condicionará, entre outras cousas, o seu ton de voz.
Porén, unha boa utilización do espazo é unha boa ferramenta para os oradores, que poden utilizar a liberdade de movementos (aproximacións, paseos pola sala...) para chamar a atención ou salientar algo.
CONTROLAR OS NERVIOS.
É inevitable un certo grao de nerviosismo antes de calquera actuación importante, sobre todo se é ante un auditorio nutrido. Isto é algo natural, e por tanto non é negativo sempre e cando os nervios non fagan perder o control.
É importante que este estado non transcenda ao xurado, á audiencia e moito menos ao equipo contrario. Por iso é conveniente evitar signos evidentes de nerviosismo, tanto no orador (miradas intranquilas a un lado e outro, movementos bruscos, balanceos) como no seu equipo (atención ás reaccións e aos golpes de efecto do equipo contrario).
Algunhas persoas sofren o que se coñece como "medo escénico". É o temor ao fracaso ou a facer o ridículo principalmente, o que ocasiona que nos momentos previos a unha intervención o orador chegue a crerse incapaz de realizala. Outro dos problemas relacionados cos nervios é a posibilidade de quedar coa mente en branco. Ata o orador máis preparado pode sufrir un bloqueo e esquecer por completo o seu discurso. Nestes casos, é conveniente comportarse con naturalidade e recoñecelo abertamente. Será entón tarefa do equipo, prestar a súa axuda para encher ese baleiro.
Non existe moita diferenza entre falar fronte a unha ducia de persoas e un centenar. Se un orador é capaz de conservar a calma fronte a un auditorio pequeno, tamén será capaz de realizar as súas exposicións ante un número maior de persoas. Por tanto, os ensaios que poidan realizarse antes do debate fronte ao resto dos membros do equipo, a rede de colaboradores ou un grupo de amigos poden resultar de gran axuda para vencer ese medo a falar en público.
Aínda queda unha dificultade maior: as cámaras de televisión. Moitas persoas acostumadas a intervir en público cohíbense fronte a unha cámara e non son capaces de articular palabra e pensar con claridade. Isto tamén debe ensaiarse.