

BENVIDA
OBXECTIVOS
TORNEO
- Regulamento
- Bases
- Descargas
- Xuíces
- Participantes
CONSELLOS
- Como formar equipo
- Organización do debate
- O debate
- A Investigación
- Oratoria

Despois de formar os equipos, iniciaremos a preparación dos debates propiamente dita.
O primeiro aspecto básico, e que en ningún caso pode fallar, é un bo dominio do tema sobre o que se vai debater. Para isto é preciso levar a cabo un bo proceso de documentación.
Unha vez se coñece o tema sobre o cal se debaterá, a primeira tarefa a realizar polo equipo é obter documentación sobre o mesmo.
Esta fase é fundamental para a construción dunha boa liña argumental, polo que se lle debe prestar especial atención. Contar cun coñecemento profundo do tema achegará seguridade ao orador, xa que ter datos reais nos que basear a argumentación dará contundencia e forza expresiva á súa mensaxe. Asemade, reducirá o risco de que o equipo contrario poida desbaratar os seus argumentos.
É conveniente que cada equipo conte cunha metodoloxía á hora de realizar a investigación. Hai que organizar distintas fases:
- Planificación
- Busca e tratamento da información
- Organización da información
1. Planificación do traballo a realizar.
É fundamental dedicar certo tempo a reflexionar como se debe realizar o proceso de recollida de materiais é fundamental. Nunca se tratará dun gasto, senón dunha inversión, xa que unha boa planificación aforrará gran cantidade de esforzo e axudará a clarificar as ideas.
Os puntos a ter en conta serán:
- Coñecementos previos sobre o tema (a)
- Información que necesitamos obter (b)
- Fontes ás que recorrer (c)
- División do traballo (d)
- Coñecementos previos sobre o tema:
- Reflexión individual. Cada membro do equipo analizará os coñecementos que posúe sobre a cuestión, a súa opinión, e os motivos que a xustifican.
- Posta en común dos coñecementos persoais. Permitirá coñecer os aspectos nos que é necesario profundar durante a investigación. Este punto é importante co obxecto de evitar duplicar esforzos e encontrar sinerxías.
- Información a conseguir. É conveniente obter información diversa para fundamentar as exposicións. Así, débese conseguir tanto información cuantitativa (estatísticas, estudos) como cualitativa (citas, anécdotas, exemplos). A pesar de que a información primaria elaborada polo propio investigador resulta moi valiosa, require moito tempo de recolección e procesamento, polo que se adoita utilizar información secundaria.
- Fontes que consultar: os lugares e persoas das que obter información poden ser tan abundantes como cada un imaxine. Sempre deben consultarse diferentes fontes (non só para obter maior cantidade de información, senón tamén para verificar datos), pero hai que considerar que o tempo é limitado e nunca dará tempo a consultalas todas.
Bibliotecas, centros de documentación da Universidade, publicacións especializadas, arquivos, etc. son as primeiras fontes ás que se adoita recorrer. Porén, hai que ter en conta que a orixinalidade e actualidade dos datos son un factor moi importante. Así, é conveniente recorrer a Internet, hemerotecas ou realizar entrevistas persoais (a empresarios, ONGs, etc.).
- División do traballo. A cantidade de información dispoñible sobre calquera tema é tan abundante que desbordaría a calquera persoa soa que pretendese encontrala e procesala. Sempre contando cunha boa coordinación, todo o equipo debe implicarse na procura de información e para optimizar o traballo é conveniente un reparto de tarefas, que pode realizarse seguindo distintos criterios:
- por áreas ou tipo de información a buscar
- en base á facilidade de acceso ás fontes
Neste apartado ten un papel importante a rede de colaboradores de cada equipo.
2. Procura e tratamento da información.
- Acumulación da información
- Selección, análise e síntese da información
- Acumulación da información.
Baseándonos nos coñecementos previos e nas ideas que estes nos suxeriron, procederemos á recompilación de datos propiamente dita. Seguindo un criterio metodolóxico, débese intentar encontrar a este respecto, toda a información relevante posible.
Necesítanse gran cantidade e variedade de datos, de distintas fontes e datas, que nos permitan tanto argumentar A Favor como En Contra sobre o tema.
Hai que fixar una data límite para deixar de recoller información e empezar a construír as argumentacións. Considerando este feito, realizarase unha primeira discriminación en función dos contidos das obras consultadas (índice ou titulares, en caso de noticias de prensa). Sempre se corre o risco de deixar información que podería resultar de grande axuda, pero desde a planificación e a relación de fontes que se decidiu consultar poden desenvolverse criterios de selección altamente fiables.
- Selección, análise e síntese da información relevante.
Non toda a información que nun primeiro momento podería parecer interesante resultará útil á hora de preparar o debate, de modo que haberá que descartar aqueles materiais que poidan desviar a nosa atención do obxectivo que se persegue.
Debe facerse unha selección máis profunda a través dunha análise crítica para encontrar a información realmente relevante e agrupala, de forma que nos sexa máis fácil o seu tratamento.
En xeral, a información debe reunir as seguintes características:
- Veracidade
- Actualidade
- Relevancia
- Interese
3. Organización da información.
Toda a información utilizada para elaborar os discursos debe estruturarse con dous fins:
- facilitar o seu tratamento durante a preparación do debate
- permitir a consulta de datos durante o propio debate